Domingo, Agosto 20, 2006

Un tropezo calquera

DENDE PEQUENA vivía na mesma cidade. Traballaba nunha sucursal e o meu labor era aparentemente sinxelo, polo que non lograba entender por que me trasladaran. Eu nunca fun das que soñei cun ascenso rápido, un despachiño con caramelos enriba da mesa e un subordinado ó que poder mirar con superioridade. Todo chegaría ó seu tempo, ou iso cría, ata que descubrín que ó que inventou esta expresión esquecéralle que a vida non era moi xusta.

Sempre pensei que era sociable e preocupábame por dar unha imaxe de persoa agradable, condición indispensable para traballar cara ó público, como era o meu caso.

O primeiro día fun coñecer o encargado que, con malas maneiras e un sorriso burlón, explicábame en que consistía estar no posto que eu ocupaba dende había uns quince anos. Dixen a todo que si e ata puxen cara de sorpresa e descoñecemento para non quitarlle toda a ilusión a aquel home. Ocupei o meu lugar e, por fin, chegou o momento de enfrontarme á clientela.

Ó mostrador achegouse unha señora baixiña e repoluda que facía acenos coas súas mans cubertas de xoias tras as que se adiviñaban unha chea de engurras. Tiña un sobre no que dicía que había mil euros para ingresar na súa conta, pero non era tal, que non chegaban a cincocentos. Botei media mañá intentando explicarllo e acabou marchando despois de insultarme cun amplo vocabulario que dominaba perfectamente.

O meu sorrisiño falso comezou a virarse cando apareceu aquel home solicitando información para un crédito. Despois de sinalarlle onde debía ir, el volveume repetir a pregunta... E así estivemos ata que cansou e protestou, aínda que con máis educación, pola falta de atención dos empregados.

Nunca desexara tanto que chegase a hora de comer, e nunca gozara tanto do silencio e da soidade! Cando o reloxo marcou as catro volvía estar eu sentada na mesma cadeira, detrás dese cristaliño que semellaba un cárcere.

Ó longo da tarde foron desfilando todo tipo de personaxes que só entendían o que lles conviña. Suaba e tremía cada vez que vía alguén entrando por esa porta...

Ata que non aguantei e rebentei. Comecei a berrar co primeiro que se achegou á ventaíña: un velliño medio xordo con problemas de próstata que quería saber onde estaba o servizo e que, asombrado e asustado, foi inmediatamente falar coa dirección.

Publicado en LA VOZ DE GALICIA

Posted by uxiki at 11:09:10 | Permanent Link | Comments (0) |
Comentarios
Escribir comentario