Jueves, Agosto 10, 2006

Grazas

      

Desexaría que a miña voz

rompese cun solpor

a escuridade eterna.

 

Desexaría que un eco completo

soase no infinito

só un anaquiño de tempo.

 

Desexaría que voltar

non significase comezo,

senón reencontro co pasado,

vida antiga renovada.

 

Desexaría que o son dunha bágoa ó caer

rompese os vidros opacos

do cárcere desta alma.

 

Desexaría que deixando de vivir se gañase tempo,

enganando á morte e ó destino,

para invertilo nun sorriso traizoeiro.

 

Desexaría que cada palabra

fose unha nota en clave deste sol preguiceiro

que conquistou á lúa aloumiñándoa

para alumear máis tarde.

 

Desexaría ser unha onda no mar

para poder renacer a cada segundo

sen que sexa sempre

a mesma pedra a que me desfaga.

 

Desexaría ver á xente

sostendo coma un tridente un raio de esperanza,

coa man erguida, tocando o ceo,

para que Lourenzo a vise

e espertase do seu letargo.

 

Desexaría que un son

soase nas mentes

convertendo a filosofía en nada

para cambia-lo inútil falar

por unha revolución no pensamento.

 

Desexaría ser escrava da liberdade,

dun principio que non rematase ó aparece-lo silenzo,

da palabra firme e loitadora,

desa voz que resoa.

 

Desexaría ser poetisa

sen lapis e papel

e transmitir sentimentos

nunha linguaxe abstracta.

 

Mais escribo e,

aínda que en lingua pobre...

segura, brava, limpa, forte,

como o que grazas a ti persigo.

 

                                       Adicado a J.P.S

Posted by uxiki at 14:40:00 | Permanent Link | Comments (1) |

Martes, Agosto 08, 2006

Silenzo

 

 

Silenzo, pido silenzo para os traidores,

os rufiáns, os mentireiros,

para os que fan do mundo un xoguete,

para os que cren que ser nenos

é poñer ilusións no aparente

cando é ver con outros olliños

esta realidade de preguiceiros...

e de silenzo.

 

Silenzo, que calen as bocas dos que nada din

para non cambiar algo.

Silenzo! Quero escoitar

ós que lles din que non son nada

cando cren que sobran as palabras.

 

Silenzo, que fechen os beizos os sabios,

os lacazáns, os lariqueiros,

os que camiñan pola vida ergueitos

sen mira-lo que pisan e tocando o ceo.

 

Silenzo, que falen

os que son donos de si mesmos,

sen ataduras, sen diñeiro e sen sometimento...

Agora si, canto silenzo!

Quero ouvir palabras sen señores

que as opriman e as castiguen,

que as torturen sen piedade

e ó seu antollo as modifiquen.

 

Silenzo para os rancorosos, os insensíbeis

e para a xenreira.

Voz no alto, clara e firme para eles,

só para eles:

os loitadores, os valentes, os temerosos, os apresados,

os camiñantes das fondas tebras,

os presentes devanceiros,

os devanceiros presentes,

os auténticos...

Voz para eles!

Posted by uxiki at 21:40:10 | Permanent Link | Comments (0) |

Berros

 

 

Afoga o teu pranto, irmán,

para o martirio da terra seca;

xungue as túas mans ás gretas

que traza a desesperación.

 

Os regos que fai o tempo

danan as almas, amigo,

que nin tódalas augas do mar unidas

fan tantas coma bágoas por mal.

 

Deixei eu o meu espírito perdido,

sometido ó son tormentoso dun martelo

que lle crava os segundos errados

coma espiñas de rosa vermella

tinguida polo sangue dun puñal en peito.

 

Teño medo, irmán,

medo de que os nosos ouvidos enxordados

pola conformidade das eras

non escoiten os latexos

de vida, de esperanza.

 

Berramos dende fondas e escuras tebras

que fixeron un morrer da nosa vida,

pero nin mortos fecharemos as feridas,

que outros son as que no-las deben sanar!

 

Cantaremos, amigo, xunto ó eco

que aínda resoa dunha loita pasada

porque a nada voltará ser algo

cando se escoite o noso sentir.

 

 

Posted by uxiki at 21:00:06 | Permanent Link | Comments (0) |

Domingo, Agosto 06, 2006

Ilusións de tempos mortos

Érguete do teu escuro leito de inquedanzas ...

Berra, berra e fai que a túa voz
resoe en cada recuncho,
que entre na alma das árbores,
que rompa a desolación da terra.

Dos homes de pedra
fai area fina e clara,
fai da vida a morte da soidade.

Une os teus pensamentos ós do vento
e sente que os seus sopridos
abanean o teu espírito,
que a confusión son só nós
de auga limpa
enguedellados polo destino.

Bate, bate nas dúbidas
coma as ondas do mar na beira
e desfaite en escuma de esperanza
para volveres ser ti
e atoparte de novo nun todo.

Loita, loita contra a eternidade
e fai do infinito un segundo,
da realidade un espello opaco ....
Refléxate nela, ¿que ves?
Nada, son soños.

Chora, porque as bágoas son auga de vida
que alimentan a consolación,
fertilizan o camiño do tempo
e dan crenza ás feridas
das mans escravas.

Réndete ante o son dunha gargallada,
ante o orballo que esvara polas follas,
ante cada raio que acariña o teu rostro,
ante cada momento de inquietude
e de resposta doce ou agria.

Sente o roce áspero da amargura,
as queimaduras provocadas pola paixón,
a suavidade dun agarimo,
a desaparición da última chama de vida
que latexa desesperadamente.

Escurece coa posta do sol
e desfruta da noite da razón
porque só cando ela dorme
comeza a luz,
comeza o vento,
comeza a auga,
comeza a vida,
remata a morte.

Posted by uxiki at 18:02:06 | Permanent Link | Comments (0) |

Quero verte

Posted by uxiki at 17:55:50 | Permanent Link | Comments (0) |
1 2