Domingo, Agosto 20, 2006

Un tropezo calquera

DENDE PEQUENA vivía na mesma cidade. Traballaba nunha sucursal e o meu labor era aparentemente sinxelo, polo que non lograba entender por que me trasladaran. Eu nunca fun das que soñei cun ascenso rápido, un despachiño con caramelos enriba da mesa e un subordinado ó que poder mirar con superioridade. Todo chegaría ó seu tempo, ou iso cría, ata que descubrín que ó que inventou esta expresión esquecéralle que a vida non era moi xusta.

Sempre pensei que era sociable e preocupábame por dar unha imaxe de persoa agradable, condición indispensable para traballar cara ó público, como era o meu caso.

O primeiro día fun coñecer o encargado que, con malas maneiras e un sorriso burlón, explicábame en que consistía estar no posto que eu ocupaba dende había uns quince anos. Dixen a todo que si e ata puxen cara de sorpresa e descoñecemento para non quitarlle toda a ilusión a aquel home. Ocupei o meu lugar e, por fin, chegou o momento de enfrontarme á clientela.

Ó mostrador achegouse unha señora baixiña e repoluda que facía acenos coas súas mans cubertas de xoias tras as que se adiviñaban unha chea de engurras. Tiña un sobre no que dicía que había mil euros para ingresar na súa conta, pero non era tal, que non chegaban a cincocentos. Botei media mañá intentando explicarllo e acabou marchando despois de insultarme cun amplo vocabulario que dominaba perfectamente.

O meu sorrisiño falso comezou a virarse cando apareceu aquel home solicitando información para un crédito. Despois de sinalarlle onde debía ir, el volveume repetir a pregunta... E así estivemos ata que cansou e protestou, aínda que con máis educación, pola falta de atención dos empregados.

Nunca desexara tanto que chegase a hora de comer, e nunca gozara tanto do silencio e da soidade! Cando o reloxo marcou as catro volvía estar eu sentada na mesma cadeira, detrás dese cristaliño que semellaba un cárcere.

Ó longo da tarde foron desfilando todo tipo de personaxes que só entendían o que lles conviña. Suaba e tremía cada vez que vía alguén entrando por esa porta...

Ata que non aguantei e rebentei. Comecei a berrar co primeiro que se achegou á ventaíña: un velliño medio xordo con problemas de próstata que quería saber onde estaba o servizo e que, asombrado e asustado, foi inmediatamente falar coa dirección.

Publicado en LA VOZ DE GALICIA

Posted by uxiki at 11:09:10 | Permanent Link | Comments (0) |

Jueves, Agosto 10, 2006

Recordos nun espello

 

Gústame estares aquí sentado, ollando o mar, agora gris coma a miña mirada. Vexo na súa inmensidade o reflexo dos meus anos e da miña vida xa case esgotada, aínda que non por iso cansa. Cada unha das súas ondas son un acontecemento que está gravado con lume no meu peito... cousas marabillosas todas elas, recordos valiosos, pois as cinsas de desenganos xa hai que as levou o vento.

A miña existencia é coma o mar ... tivo momentos de bravura, de calma, estivo ás veces alta, ás veces baixa, mais nunca deixou de se-lo espello dos meus sentimentos, ó igual que o azul da auga é o do ceo.

Agora sinto pena. Sempre estiven sometido ó paso do tempo pero iso rematou. Hai un momento no que o tempo comeza a se-lo que realmente é, un invento, algo abstracto, nada. Pero voltemos a cando as agullas do reloxio xiraban ó seu antollo, indeferentes ó sufrimento...

Estaba de pé fronte ó lume, escoitando a radio, pero realmente non prestaba atención ás palabras que dela saían. Estaba, dalgún xeito, envolto entre as chamas, buscando respostas a preguntas que nin tan sequera existían. Dinme conta de que era tarde porque os raios do sol comezaban a molestarme. Collín as miñas cousas e saín correndo pero de pouco serviu, cando cheguei á praza os dous compañeiros agardaban impacientes... non lembro os seus nomes, supoño que non son verdadeiramente importantes, pero teño moi presentes os seus ollos baleiros, sen brillo, sen ilusións, inconscientes da pouca vida que lles quedaba por diante ou esgotados polo que crían que lles faltaba por percorrer. Dixeron "¡Imos!" Tiven medo, negueime, aínda que non sei moi ben o porqué.

Foi o último que dixeron. Ninguén preguntou por eles, ninguén quixo saber nada, nin tan sequera os que os querían, así de inxustos e contradictorios somos.

Despois  fun á praia, sentei na súa area fina e comecei a pensar sobre o que acababa de facer. Agora sei que non estivo ben, pero naquel momento non o sabía, non tivera quen mo dixera.

Cando abrín os ollos xa pasara do mediodía. Collín as cousas e marchei para a casa. Chamei á porta pero non abriu, non sei a onde foi. Comín eu só, observado por un triste cadro que penduraba da parede con moitos esforzos. Non debería estar aí, ameazándome e facendo reproches de cousas que non tiñan nada que ver con el.

Unha manta de pó cubría a casa, levaba moito tempo sen limparse e eu non ía facelo. O lume aínda estaba acendido pero facía frío, tiña frío. Dábame pena mirar ó meu redor e non ver nada que me alegrase. ¡Onde foron aqueles anos que nunca vivín! Onde os gardei...

Oíuse un golpe, a porta abriuse, pero non foi o aire. Ela chegara. Boteina pese á súa insistencia. Fun brusco, violento de máis, pero non podía evitar esteoriza-la miña ira. Odiábaa, ela non estivo aí cando debera e xa non a precisaba. Agora estráñoa moito, pero non podo recuperala. Intento afacerme á triste idea de que a perdín para sempre... e daquela sigo perdéndoa.

Fun dar un paseo polo meu pobo. É un lugar pequeno onde todos nos coñecemos pero ninguén sabe quén é quén, totalmente rural, sen ningunha influencia do estranxeiro e cunhas tradicións que non morreron e que estarán ata que os meus aguanten.

Cheguei ó monte. É un sitio ó que nunca vai ninguén, coma se estivese enfeitizado, e é gracias a iso polo que está tan ben conservado e tan calado de voces humanas. Pero o día de hoxe non era coma os de sempre. A xente debería de estar descansando pero non era así.

-¿E que facedes vós aquí? - pregunteilles estrañado, pero non me respostaron. Simplemente obviaron a miña pregunta.

Dixéronme que tiña aspecto triste, que era coma se gardase algo no meu interior... algo que quería facer pero que a miña vida non mo permitía. Tiñan razón, os meus soños estaban sen realizar pero eu non tiña ganas de seguir adiante con eles, nin sequera de empezalos.

Insistiron en que debería facer o que eu quixese, non souberon calar nin aceptar a miña negativa. Canseime tanto de oílas que a miña cabeza comezou a dar voltas... síntoo por elas. Lémbroas e penso que alegrarían un pouco a miña vida e que, ó final, nunca fixen o que quixen, qué pena.

O monte voltaba a estar en silencio, pero non totalmente: os cantos dos paxaros, o ruído dunha folla ó caer, dunha póla ó estalar, os meus pasos pisando sen piedade cada segundo. Detívenme ó chegar ó camiño que daba á aldea, pero o tempo seguiu pasando. Había unha tranquilidade propia dun sábado pola tarde: os maiores estaban a descansar ou a faceres tarefas rutineiras, mentres que os novos, os que poderían darlle movemento á vila, aproveitaban a fin de semana para visita-los sus compañeiros ou para ir á cidade, pois non estaba nos seus plans quedar aquí nun día de festa. Atraveseina e cheguei ó outro camiño, a ese que dá á fonte onde vai a xente desconfiada, que aínda non se fía da traída, colle-la auga. Sentei preto dela, nun pequeno anaco de campo. Chegou e sentou ó meu lado. Aí estaba, coma sempre, dándome ánimos e facéndome pensar cousas que ata poden chegar a ser imposibles, utópica coma sempre, contraria ó meu realismo innato, pero para iso estaba, para que eu seguise adiante coa súa axuda. Desta vez non o conseguiu, non volveu máis. Dende entón os meus pensamentos non son máis que o que vexo, adeus ás ideas. Loito por recuperarte, ¿a onde fuches? Ó cabo duns días os testarudos tiveron que resignarse. Ninguén sabe, agás eu, por qué a fonte secou.  E o tempo seguiu pasando.

É verán e este ano non chove, nin unha soa gota de auga cae do ceo. A xente quéixase, pero ninguén pode facer nada. Vénse gretas na terra e cultivos murchos, se poidese darlles vida coas miñas bágoas... regos de lamentacións cruzan as leiras.

Eu estaba na casa, e ela comigo, coma sempre. Sorte que non marchara, xa que sen ela as anteriores palabras xamais sairían de min. Estaba realmente preocupado pola situación na aldea e ela tamén, pero moito máis, e iso facía que a miña preocupación tamén aumentase.

Entón pensei que a miña vida era só miña e de ninguén máis, que non tiña que compartila e que cadaquén debería ocuparse de resolve-los seus problemas. Non estaba de acordo comigo pero non me importaba. Desta vez foi ela quen marchou. Nese momento dinme conta do meu erro e pensei que xa o perdera todo.

A casa agobiábame, e máis estando só. Todo estaba igual que sempre, todo era rutina. Saín e sentei nunha pedra que está chantada á beira da porta e intentei pensar pero xa non podía. Estaba tan asombrado de min mesmo por todo o que fixera que non sabía nin quén era, e penso que aínda non o sei moi ben. Estaba somerxido nas miñas penas... ¡quen o ía dicir!... cando menos o esperaba, apareceu... non era algo usual ver algo así por estes paraxes, era un pequeno raio de luz entre tanta escuridade que me arrodeaba. Eran as forzas que precisaba para seguires adiante e para poder crer que todo é posible, que podo facer algo. Aínda no día de hoxe segue ó meu lado, pero xa está cansa de min e non sei se quedará moito, aínda que eu fago todo o posible porque non marche do meu lado. É o único que teño e necesítoa. É a voz que me fai de guía pero non dou atopado o camiño. A pesar diso fálame e mantéñome gracias ás súas palabras. Penso que é grave porque non a baseo en nada, pero téñoa. Agora xa non estou só nesta inmensidade na que vivo e pode que tampouco o estea neste aniños de vida que me quedan por diante. Só unha cousa: ¡Queda sempre comigo!

E sigo aquí, ollando o mar coa miña mirada gris, tras unhas reixas invisibles que me teñen prisioneiro para sempre, prisioneiro do inexistente, pero con compaña. Téñote sentada aquí, preto de min.

Recordo aquel tempo. Maldigo aquel día en que, por medo, matei os meus ánimos e os enterrei na praza do olvido, naquel pobo que non é máis que a miña alma. Maldigo aquel día en que, dominado pola desesperación, pechei as portas á felicidade e boteina fóra de min, da miña casa, do meu corpo. Maldigo ese mesmo día en que, vencido polo desánimo, confundín un momento de tristura con toda a miña vida e afundín as miñas ilusións... agora o monte da miña aldea arde, e elas xunto a el. Maldigo o día no que limitei a miña mente á realidade e sentei naquel campiño, deixando ir á imaxinación, deixando secar a fonte da que brotaban tantos pensamentos, despedíndome desa compañeira soñadora que tantos desgustos e tantas alegrías me dera, privando á alma de auga.  E por moito que me esforzo non te dou recuperado... ¿quen alentará a miña mente? Maldigo aquel día en que din a espalda a tanto choro e deixei esvaecer ó meu pobo, centrándome en  min mesmo e mostrándome impasible ante o sufrimento. Ese foi o peor dos días, o día en que me deshumanicei, o día en que te perdín, sensibilidade.

Cumpro condena por todos estos crimes na peor das cárceres, nesta que supón seguir aquí aínda que sen ningún sentido,  con esta compaña tan esperanzadora e tan pouco fiable que me aferra á vida sen motivo. Só, pero contigo. E por fin... bendito (ou quizáis máis maldito) foi aquel día no que vin o teu brillo, aquel no que decidín seguirte. Simplemente, gracias por estares aquí sempre. Non te vaias de min... queda mirando o mar e conta as ondas comigo...

¡Menos mal que apareciches, esperanza!

Posted by uxiki at 11:40:07 | Permanent Link | Comments (2) |

Martes, Agosto 08, 2006

Bravo mar de Malpica

 

 

XA CANDO era pequeno Miguel dicía que quería ser mariñeiro, e aí estaba agora, fronte a un barco máis grande do que a súa imaxinación acadara cando por primeira vez pensou nel. Pero este desexo non lle veu ó rapaz porque si. Cando tiña apenas uns meses ouvía a seu pai, mariñeiro dos de verdade, home de ben e traballador, contar o que lle ocorría en cada xornada, ou iso din, pois el non o lembra. Pero o que si recorda son as campás tocando a morto aquel 19 de outubro de 1982, tímido son se o comparamos co da bravura do mar no momento que seu pai foi tragado pola auga que tanto lle dera, a traizón. Aquí o neno do que falamos tiña só catro anos, pero se din que a partires dos tres xa temos memoria, ¿por que non vai recordar Miguel o día do enterro dunha das persoas que máis quería?

Tamén ten a imaxe da súa nai; o pequeno cría que tamén ela ía afogar con tanta bágoa... chorar tamén chorou cando soubo que o seu fillo ía ó mar, e alí seguía na mesma, ó lado dunhas señoras que rosmaban dicindo que era esaxerada e moito caso non se lle podía facer, que tamén desesperara cando o rapaz botara moza. Pero ela non chorara por iso, senón porque o neno xa se lle facía maior.

Un día na escola, o mestre preguntara qué era o mar, e foiche moi boa resposta do Migueliño:

- O mar é máis que auga, mestre, o mar é vida. Éche un traidor que moito dá pero logo non ten reparo en cobrar o que cre que lle deben.

Os alumnos quedaron mirando para el, ata que un dixo: -¡E seica traga xente!

-¡Abofé que si! -respondeu o orfo- ¡Meu pai morreu porque o tragou o mar!.

E tivo que saltar o sabichón da clase, que por riba era madrileño recén chegado. - Tu padre se ha ahogado por tragar el mar, no porque el mar lo haya tragado-

A partir de aquí sobraron as palabras... ¿e quen era ese para dicirlle a un malpicán o que facía o mar?

Agora Miguel sorrí lembrándoo, pero cámbialle o xesto de seguido ó pensar que vai marchar por primeira vez e enfrontarse ó que hai uns anos lle levara un anaco da súa familia. Sen dicir nada achégase a súa nai e dálle un bico e unha aperta; ela só lle desexa sorte. Logo dá a volta de novo e vai cara o barco, non sen antes chiscarlle un ollo á mulleriña, que segue a chorar. E alí marcha Miguel, seguindo os pasos de seu pai, un 19 de outubro, pero de 1996.

Publicado en LA VOZ DE GALICIA

 

Posted by uxiki at 20:47:38 | Permanent Link | Comments (0) |

Domingo, Agosto 06, 2006

RESIGNACIÓN. A morte dunha ilusión.

A veces non vexo ningunha saida e estou esgotada, métome na música e nas súas letras, evádome, pero á fin non serve de nada: falan da realidade, dunha realidade que non é a miña. Hai un camiño pero está moi lonxe, quizáis sexa só cuestión da perspectiva que eu lle dou. As nosas vidas son como liñas paralelas: xúntanse no infinito. Atopareite daquela un día destes. Porque sei que cando morra quedarei a medio camiño, no ceo non me van querer e tampouco é cuestión de meter nun compromiso ó demo ... Faime un favor, espérame alí, onde queira que esteas, sempre, sempre, eternamente. Buscareite, non te preocupes, e non descansarei ata atoparte. Ei, ti, intruso lector dos meus pensamentos, que cres que fas agora senon le-la miña mente? Pode que os meus pensamentos para ti so sexan paranoias pero non importa, a min tamén mo parecen...
Doeme a cabeza pola desorde que son consciente que teño nela pero teño a esperanza de que algún día aclararei as miñas ideas. Agora baseo todo nunha esperanza, porque... que fago eu se non esperar? Esperar que todo saia ben, que este futuro incerto non sexa certo e que todo teña unha explicación... Que a vida que me queda que non sei cánta é estea unida a ese soño imposible, a esa utopía indesexable, a ese espectro. E esperarei sempre, porque o que quero non é posible.
Pechei a porta da miña alma a todo aquel que quixo ver o que hai realmente nela. O que os meus cren realidade é só un invento, algo que teño medo de acabar crendo eu tamén. Pero, ¿crendo que? Realmente penso que xa non creo nada. Vagar de pensamentos na miña mente e no meu corpo... vagar de ideas que xa se esfumaron. Ideais aínda non perdidos, porque a pesar de todo sigo sendo fiel ós meus principios. Entón, poida que algo crea...
¿Está moi lonxe o infinito? Non, eu atopeino alá onde están os soños. Porque os soños son infinitas esperanzas... ou esperas infinitas...
Pasa o tempo. Tempo, gran error, equívoca invención do home no seu afán de poder controlar algo máis. Agora é o home quen está sometido ó tempo, controlado por algo que nin sequera existe. Triste camiño o que seguimos as persoas ... vivir, pero se apenas hai tempo...
Posted by uxiki at 17:58:09 | Permanent Link | Comments (0) |